Tempestades de sal

Liberdade Independentistas
Daniel Seixo

Resulta complicado perseguir algo que non existe, causar dor con algo que non existe, difundir o pánico con algo que non existe… Pero se iso é posible, sucede no estado espanhol, ese proxecto político integrado no seo de Europa, no que un pequeno reduto de irredutibles galegos resiste, aínda e como sempre, ao invasor. E a vida non é fácil para as guarnicións da Guardia Civil nos reducidos campamentos de Galiza… ridículo? O mesmo pensamos exactamente os galegos e galegas cando vemos abrir os telexornais e os debates políticos do estado espanhol co conto de que unha vez máis, militantes independentistas galegos foron detidos acusados de terrorismo por pertenza á organización inexistente Resistencia Galega.

Do mesmo xeito que sucedeu coa organización La Mano Negra na década de 1880, con gran parte do Movemento de Liberación Nacional Vasco baixo a premisa de “Todo é ETA” e tal e como sucede co procés e a criminalización de toda iniciativa política e social que se leve a cabo en Catalunya de cara a conquistar a independencia efectiva, a capacidade do goberno espanhol para modificar, moldear e terxiversar o relato parece non ter límites.

Nun estado no que nos custa chamar ao fascista fascista, ao machismo machismo e á corrupción corrupción, nunca existiu problema algún para tachar como terrorista a todo aquel militante de esquerda que contrapuxese a súa visión política e social á imperante no territorio espanhol

O 12 de setembro de 2013, a sección 3ª da Sala do Penal da Audiencia Nacional espanhola, condenaba a Eduardo Vigo, Roberto Rodríguez, Antom Santos e María Osorio López cunha sentenza que involucraba aos catro detidos cunha organización terrorista chamada Resistencia Galega. Un grupo terrorista que teoricamente actuaba en territorio galego e que vos podo asegurar curiosamente foi presentado en sociedade nesta nación pola Audiencia Nacional, a Brigada de Información da Policía Nacional, Guardia Civil e os distintos medios que lonxe de informarse ou investigar un pouquinho o asunto, simplemente se limitaron a reproducir a visión do estado espanhol, poida que por costume ou por iso de que o terrorismo sempre vende, que sei eu.

Nun estado no que nos custa chamar ao fascista fascista, ao machismo machismo e á corrupción corrupción, nunca existiu problema algún para tachar como terrorista a todo aquel militante de esquerda que contrapuxese a súa visión política e social á imperante no territorio espanhol, xa fose de forma violenta ou de forma pacífica. Certo que a algún dos independentistas detidos ao longo destes anos asocióuselhes coa elaboración de explosivos caseiros e con atentados contra entidades bancarias e sedes políticas, certo tamén que no independentismo galego existiron historicamente breves e moderadas reaccións violentas contra o que se considerou opresión do estado espanhol. Pero de aí a lograr crear  unha absurda cosmovisión política, na que unha suposta organización terrorista chamada Resistencia Galega, usa o terror para influír na vida política e social de Galiza, debería de existir un gran paso.

Cando desexos, indicios e sospeitas mestúranse nun xulgado, as sentenzas adoitan estar ditadas xa de antemán. De nada vale entón que os acusados neguen a súa pertenza a banda armada ou que denuncien abertamente o uso da violencia para a consecución dos obxectivos políticos do independentismo. Cando un logra visionar algún dos xuízos contra os independentistas galegos, non pode evitar decatarse da agresividade do relato que o estado espanhol impón desde o inicio aos acusados. Expertos, avogados, testemunhas, probas periciais e nin moito menos as declaracións dos propios acusados valen para nada durante as xornadas que dura o escarnio, a sentenza de terrorismo parece ditada desde o momento no que as forzas e corpos de seguridade do estado sacan aos militantes do seu domicilio, esposados e paseados normalmente só ante a prensa, unha prensa que sen que ninguén queira saber moi ben como, sempre é das primeiras en decatarse das detencións, en demasiadas ocasións mesmo antes que os propios detidos. Despois de todo, os relatos non se contan sós.

Un non pode fiarse unicamente dos relatos da policía, non pode facelo e ten quedado sobradamente comprobado ao longo do tempo, nin existiu nunca La Mano Negra, nin Egin tinha nada que ver con ETA e dende logo se existiu violencia extrema aquel 1 de Outubro en Catalunya, foi sen dúbida por parte dunha policía e un estado que se retratou fronte o mundo como claramente represor cando a situación así o contempla. Non poden acusar á militancia independentista galega de terrorismo por pertencer a unha organización cuxa única proba da súa existencia é precisamente a suposta militancia na organización dos diferentes militantes independentistas detidos. Non só é un razoamento de tolos, senón que se escapa totalmente de calquera principio básico de dereito.

Tras cada detención son moitas as amizades, as familias e os proxectos políticos e sociais que quedan tocados na Galiza,  a lei antiterrorista e o réxime FIES-3 co que os militantes galegos entran en prisión, non só truncan definitivamente unha vida, senón que sementan a rabia, a impotencia e a distancia co proxecto político do estado espanhol

Ler Sempre en Galiza, parar a tomar unhas copas polo Avante ou A Gentalha, ser parte activa do movemento político ou cultural da túa terra ou mesmo froito da rabia, a impotencia ou a desesperación, recorrer á sabotaxe violenta con termos con pólvora, non che converte en terrorista. Pode parecernos moralmente reprobable, debe ser investigado e xulgado como un delito, pero nin moito menos tales feitos suponhen proba algunha que nos permita falar dunha suposta organización terrorista activa en chan galego. Tentar transformar estes feitos nun relato de criminalización e represión que converta a unha decena de independentistas galegos nos suxeitos máis perigosos do estado espanhol supón de xeito evidente un esforzo ridículo para calquera persoa con apenas dous dedos de fronte.

O asunto podería resultar ata cómico se non fose porque tras cada detención son moitas as amizades, as familias e os proxectos políticos e sociais que quedan tocados na Galiza,  a lei antiterrorista e o réxime FIES-3 co que os militantes galegos entran en prisión, non só truncan definitivamente unha vida, senón que sementan a rabia, a impotencia e a distancia co proxecto político do estado espanhol en moitos máis galegos e galegas.

Fuente
https://nuevarevolucion.es
Categoría
Etiquetas